Friday 03 de May de 2024

Comezan en Santiago os obradoiros coas empresas seleccionadas para participar no proxecto “Provincia da Coruña, destino de Turismo Industrial”


Un total de 52 pemes toman parte nunhas xornadas de formación e asesoramento sobre a innovación turística

Deputación da Coruña celebrou hoxe en Santiago os primeiros obradoiros de traballo nos que participaron os responsables das empresas interesadas e seleccionadas para participar na marca Provincia da Coruña, destino de Turismo Industrial.

O proxecto, froito dun convenio entre a Deputación da Coruña e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI), leva por título “Mellora da competitividade das pemes vinculadas ao sector turístico, preferentemente ao turismo industrial”, e conta co financiamento tamén do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Desenvolverase integramente na provincia da Coruña.

O obxectivo é crear un novo produto turístico focalizado no turismo industrial e converter esta provincia e as súas empresas nun referente nacional e internacional neste sector.

Tras unha primeira fase de análise, captación de empresas e estudo do territorio e os seus recursos, arrinca agora unha segunda etapa do proxecto na que se desenvolverán unha serie de obradoiros e xornadas individualizadas sobre innovación turística, co obxectivo de asesorar ás empresas que manifestaron o seu interese en formar parte deste proxecto.

Os segmentos sobre os que se está traballando e ao redor dos cales virarán os distintos produtos turísticos industriais son: Camiños de Terra e Auga; o Mar e os seus Oficios; Construíndo o cotián; Reinventando a alimentación; e Natureza e Enerxía.

Nos talleres participarán un total de 52 empresas das 68 seleccionadas en toda a provincia. Todas elas son pemes industriais con posibilidades ou interese en desenvolver visitas turísticas e obter así un retorno económico vinculado coa explotación turística.
Con estes talleres e consultorías, a Deputación busca trasladar ás empresas a necesidade de crear un produto de turismo industrial competitivo e de calidade e que contribúa a dinamizar e aumentar a rendibilidade económica e social da provincia da Coruña a través da activación dos recursos turísticos territoriais do medio rural.

Ademais destes obradoiros, xa se está traballando na creación dunha plataforma web de difusión turístico – industrial e unha aplicación móbil na que se mostrará o novo produto Turismo Industrial na Provincia da Coruña.

As xornadas de formación continuarán mañá pola mañá na sede da Deputación da Coruña.